Loomio
Tue 10 Feb 2015 8:32PM

Borrador: código ético Contigo Pódese.

CP Contigo Pódese Public Seen by 110

Colgamos o borrador do código ético Contigo Pódese para que poidades realizar aportacións ou suxerencias.
Abrimos un prazo para aportacións de 48 horas, polo tanto pecharase o fío o xoves día 12 ás 21:30h.

Si tes unha proposta de cambio, debes iniciar unha votación para que os demais compañeiros a validen, de ser aprobada pola maioría incluirase no documento final.

CÓDIGO ÉTICO DA CANDIDATURA CIDADÁ
"CONTIGO PÓDESE”

Os membros electos da candidatura cidadá "CONTIGO PÓDESE", comprometeranse a cumprir unhas normas e un código ético que teña o firme compromiso de devolver a capacidade de decisión á cidadanía, así como de facer da política municipal de Ames un exemplo de honestidade, transparencia e xestión do público, a favor dos cidadáns.

A opacidade nas contas públicas, a duplicidade de salarios, a percepción abusiva de axudas, complementos, gratificacións e regalías de todo tipo, provocaron unha débeda colosal nas arcas municipais.

Como persoas integrantes da candidatura cidadá de Ames, Contigo Pódese, comprometémonos a:
1. Defender a aplicación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos nos ámbitos de aplicación das nosas competencias.
2. Promover a participación da cidadanía en igualdade de circunstancias e oportunidades para todos, independentemente da ideoloxía de cada persoa. Así como impulsar a soberanía popular e democrática, sendo plenamente conscientes de que mentres o conxunto da poboación non coñeza a problemática municipal e social e non se implique de forma directa na resolución dos problemas, nada se poderá realizar polo ben común.
3. Loitar contra o racismo, xenofobia, machismo e exclusión por orientación de sexo. Así mesmo impulsar a participación da muller en todas as ordes da vida política e xestión municipal.
4. Debater con honestidade as opinións tratando de buscar un consenso entre os diferentes pareceres.
5. Esixir a elección dos/das candidatos/as sempre mediante un proceso de primarias abertas á cidadanía, con listas abertas, só corrixibles por criterios de xénero.
6. Rexeitar o transfuguismo e evitar que ningunha persoa ocupe cargo ningún se non foi avalado por un proceso de primarias.
7. Eliminar da municipalidade os cargos de confianza e gabinete, que foron a porta que deu acceso aos amiguismos e nepotismo en todos os municipios.

8. Eliminar dos presupostos as partidas dedicadas a partidos políticos. Así mesmo impedir que os partidos políticos teñan nas instalacións municipais despachos propios con empregados/as nomeados/as por eles e pagados por todos/as.
9. Esixir que calquera pacto previo ou posterior a unhas eleccións con outras forzas políticas, sexa referendado por consulta á cidadanía.
10. Impedir que esta candidatura cidadá se financie de bancos, empresas ou outras institucións que poidan ir contra os principios máis elementais da ética.

Tendo en conta que a política en Ames caeu en mans de persoas que se serviron dela para o enriquecemento persoal; tendo en conta así mesmo que unha das causas de deterioro económico do noso concello débese á corrupción institucionalizada. Sabendo que ata o S. XX chegábase á política dende a riqueza e hoxe chégase á riqueza dende a política, consideramos necesario que todos os membros desta candidatura cidadá acepten unha serie de normas que impidan que os cargos electos sirvan a intereses espurios:

a) A remuneración salarial dos cargos establecerase segundo o posto que desempeñen, valorando a súa formación e tendo en conta si a dedicación é a tempo parcial ou total.
b) Todos os cargos electos realizarán unha declaración notarial dos bens que posúen ao inicio e ao final do desempeño do seu cargo. Así mesmo comprométense á transparencia e rendición de contas ao principio e final do seu mandato.
c) Todo cargo electo se compromete a renunciar a traballar durante os seguintes 24 meses, en calquera empresa que tivera concesións por parte da municipalidade ou intereses cruzados con esta.
d) Así mesmo todo cargo electo desta candidatura comprométese a entregar a súa acta de concelleiro/a en caso de deixar a formación.
e) Se algún membro do equipo de goberno resultara procesado ou condenado por faltas e delitos de corrupción, económicos, acoso sexual, violencia de xénero, pederastia, maltrato infantil, delitos contra os traballadores, ecolóxicos e urbanísticos.
f) Non se realizará ningunha contratación pública por parte dun cargo desta organización en caso de que algún dos seus familiares ou o mesmo cargo, tivese intereses na empresa obxecto da contrata.
g) A limitación de mandatos será de dous.
h) O/a candidato/a electo/a, tras abandonar o seu cargo, non poderá percibir ningún tipo de axuda proveniente da administración e específica para políticos que perden ese cargo. É dicir se a persoa non posuíse un traballo, ha de limitarse á percepción das axudas públicas, como calquera cidadán.
i) Co obxectivo de suprimir privilexios, o cargo electo, ha de percibir un só salario, eliminando axudas e outras regalías impropias das persoas que xa cobran pola función que desempeñan e entre cuxas obrigas están a asistencia a plenos e comisións. Cousa ben diferente é cando esa persoa realiza un desprazamento que supoña custos económicos ou tempo extraordinario, en cuxo caso é necesaria a xustificación deses custos. En todo caso percibiranse as indemnizacións por razón de servizo que correspondan por lei.
j) As actuais axudas son totalmente abusivas e desproporcionadas e serán revisadas á baixa de modo que as percepcións pola asistencia a un pleno ou a comisións, só serán percibidas polos concelleiros/as que non teñan dedicación exclusiva, e serán dunha contía do 50% do percibido na actualidade. Así mesmo, se a persoa non asistiu á comisión de traballo e se limita a asinar para cobrar, non percibirá esa remuneración.

k) Os cargos públicos desta candidatura, comprométense no exercicio das súas funcións a escoitar á cidadanía e prestarlle especial atención ás persoas en risco de exclusión social.
l) Comprométense así mesmo as persoas desta candidatura a crear e facilitar nas áreas de traballo que teñan baixo a súa responsabilidade un clima e unha cultura administrativa de transparencia, rendición de contas e portas abertas á cidadanía, rexeitando comportamentos autoritarios e non democráticos.

ll) O único salario que percibirá o alcalde/alcaldesa será de 2.800 € netos mensuais en 14 pagas, e os concelleiros/as cobrarán un 15% menos que o alcalde/alcaldesa, sen percibir remuneración algunha por asistencia a plenos nin comisións, a excepción dos concelleiros/as con dedicación parcial.
m) Non se permitirá a existencia de cargos de confianza ou persoal de gabinete da alcaldía (non electos). Esto suporá a eliminación dos tres cargos de confianza (que suman un total de 71.536,08 € brutos anuais) que existen na actualidade no concello de Ames e que son nomeados polo alcalde para axudalo en tarefas de tipo persoal, pois estas labores serán desempeñadas polo propio alcalde/alcaldesa apoiado polo persoal do concello.

Subscribo este compromiso libre e espontaneamente co fin de garantir a consecución dunha sociedade máis xusta e libre.

GOU

genma otero uhia Thu 12 Feb 2015 8:34AM

Achego unha comparativa entre Agrupación de Electores, Coalición de Partidos e Partidos Políticos.

F

Francesco Thu 12 Feb 2015 10:16AM

Punto 1 defender la declaracion de derecho ....e la costitucion española
Limitar la imposibilida de trabajar por empresa que tuvieron relacion con la administracion a los cargo diretivo y consejo de aministracion, y non a los empleados.
Non podran presentarse a candidato lo que hayan desempeñado cargos diretivo en impresa concesionarias de servicios al ajuntamiento
Punto g , es inutil dato que la candidatura ciudadana es de una legislatura

CP

Contigo Pódese Fri 13 Feb 2015 8:25AM

Gracias a todos por participar na creación do documento ético de Contigo Pódese. Pechamos as intervencións, xa que imos colgar o documento finalizado noutro fío.

JM

JOSE MANUEL Fri 13 Feb 2015 9:26AM

Para mi está perfiecto.