Loomio
Thu 17 Sep 2015 9:14AM

Colectivo LGTBI: Proposta Moción

O OUeC Public Seen by 33

Asunto: Medidas en prol do colectivo LGTBI
——————————————————————
Promove: Jorge
Presente no programa: Si
Estratéxica en comunicación: Non
Urxente: Non
——————————————————————
Descrición:

Poderiamos definir a LGTBfobia, a grandes rasgos, como o conxunto de actitudes de odio, discriminación e violencia cara a calquera persoa por motivo da diversa orientación sexual ou identidade de xénero non heteronormativas nunha sociedade heteropatriarcal como a nosa. Este 17 de maio, Día Internacional contra a LGTBfobia, foi unha data de especial relevancia para o colectivo, pois hai 25 anos que a Organización Mundial da Saúde deixou de considerar a homosexualidade unha enfermidade. Ademais, este 28 de xuño, Día do Orgullo LGTB, data na que se conmemoran os “disturbios de Stonewall”, celébrabanse ademais as últimas conquistas de dereitos, como o matrimonio igualitario. Porén, a transfobia, homofobia, lesbofobia, bifobia e todo tipo de fobias á vivencia da sexualidade distinta da maioritaria cisheterosexual, seguen vixentes en todo o mundo, e a maioría dos dereitos, tanto a nível legal como social, así como o máis importante, a normalización, están por conquistar. A transexualidade continúa a estar dentro dos manuais desta institución como unha patoloxía, como “transtorno de identidade de xénero” ou “disforia de xénero”, grave erro que nos obriga a loitar pola súa despatoloxización. Tamén o colectivo gay segue a estar estigmatizado por mor do SIDA e a homofobia, e puidemos ver hai pouco como unha sentencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea avalaba que se puidese prohibir doar sangue aos varóns homosexuais, incorrendo nunha flagrante discriminación e confundindo prácticas de risco con poboacións de risco, contribuíndo así á fobia social e aos tópicos e estereotipos dun colectivo tan diverso coma o heterosexual ou calquera outro. Tampouco as lesbianas teñen igualdade de oportunidades á hora de ter unha crianza, posto que se lles nega a reproducción asistida que si disfrutan as parellas heterosexuais. E as persoas bisexuais son discriminadas mesmo dentro do propio colectivo, negándose até a súa existencia, chamándoas indecisas, pervertidas, ou confundindo o seu desexo con homosexualidade reprimida. As
Nestas dúas datas lembramos ademais como en moitos países a homosexualidade e calquera práctica non heteronormativa son delito e están perseguidas e castigadas, mesmo con pena de morte. Mais tamén que o colectivo LGTBI é o que máis sofre os delitos de odio -aínda que non sexan tipificados como tal- en sociedades aparentemente avanzadas como a nosa, no Estado español en 2013 con 452 agresións relacionadas coa orientación ou identidade sexual, dun total das 1.172 agresións por delitos de odio denunciadas (case a metade). Ademais, nese ano Galicia foi a terceira comunidade co dubidoso honor de encabezar esta lista, con 44 agresións. En 2014 non ocupou un posto tan alto, mais xa no primeiro semestre do ano se rexistraron 22 agresións só no noso país, e o número en xeral en todo o Estado aumentou, pasando a 513, dun total de 1.285. Esta cifra sería moito superior porque a maioría das vítimas non denuncian. Mais os ataques violentos son só a punta do iceberg e a manifestación máis brutal dunha discriminación que existe en todos os ámbitos: na rúa, nas familias, nos centros de ensino e nos de traballo.

En cidades pequenas como a nosa, non se contabilizan ou non teñen especial relevancia estes episodios, mais iso non quere dicir en absoluto que non exista a LGTBfobia. Está interiorizada nas conciencias, nos silenzos, nas bulras e nos tópicos, nos prexuízos, até na linguaxe sexista, e na invisibilización e armarización da afectividade e sexualidade das persoas LGTBI, que non pode desenvolverse con normalidade e en igualdade coas heterosexuais, por medo á estrañeza, á discriminación e ao rexeitamento. As agresións, que haberá como en calquera parte, non teñen eco nos medios porque seguramente non se denuncien, e tamén hai menos por esa armarización, unha especie de mecanismo de autodefensa e, hai que dicilo, de autocensura que pode protexer, mais tamén coarta, frustra e impide desenvolverse en liberdade e plenamente como persoas. A abafante realidade dunha cidade como Ourense, ou de calquera cidade, pero máis nas pequenas como esta, non é outra que o feito de que unha persoa heterosexual pode falar en voz alta da súa afectividade ou sexualidade sen temor nin posibilidades de ser rexeitado, mentres que no caso das homosexuais ou de sexualidade diversa, sempre vai haber barreiras por parte de moitas persoas, por un lado ou por outro, cando non unha forte discriminación. A homofobia, o medo ou vergoña, ou simplemente un sentimento práctico de evitar os problemas, fai que agochen a súa afectividade e sexualidade e condena a moitas persoas a certo exilio interior. Carecen de espazos de socialización, visibilización e posta en común de experiencias. Non hai colectivos LGTBI en Ourense (existiron Lerchas e Aglet, mais foron experiencias frustradas, desactivadas hai moito), nin existen campañas ou espazos dirixidos ao colectivo LGTB. Ademais, o medo a perder o traballo, nunha cidade pequena como a nosa, e unhas condicións de precariedade laboral cada día máis asfixiantes, fan que estas actitudes se afortalen. E o silenzo e o medo son peores aínda no rural, onde a maiores habería que facer un traballo especial, ademais do que xa cómpre en xeral. Non existe educación da sociedade en xeral, e por extensión, do persoal da Administración, sobre diversidade de xénero, e carecemos de protocolos especiais para tratar os casos de discriminación e/ou violencia neste ámbito.
En Galicia aprobouse no ano pasado no Parlamento Galego unha “Lei pola igualdade de trato e non discriminación de Lesbianas, Gays, Transexuais e Bisexuais”, a primeira no Estado, á que seguirían a de Catalunya e Extremadura, mais que foi baleirada de contidos pola maioría absoluta do Partido Popular, quedando nunha mera declaración de intencións que non supuxo ningún avance nin conquista na loita polos dereitos do colectivo LGTBI. Non se tipifican os delitos de odio, non se conta cun título de sancións e penas específicas, non se despatoloxiza a transexualidade nin se inclúe ao colectivo intersexual, non se recoñece a memoria de homosexuais e transexuais represaliadxs durante o franquismo, etc. De feito, nos colectivos LGTBI e feministas do resto do Estado nin se menciona nin moitos coñecen a lei galega, pola súa inoperancia, e si a catalá, que é a que teñen de referencia. Hai que concienciar e loitar para cambiar todo isto.
Algúns grupos parlamentarios solicitaron a elaboración e aprobación dunha Lei estatal de Transexualidade que garanta a non violación dos dereitos das persoas transexuais e a súa completa despatoloxización. Non sabemos como evoluirá a cousa mentres continúan a gobernar xs transhomofóbicxs do PP, mais, na espera dunha creba de réxime, temos que dar a batalla naqueles concellos que recuperemos para a cidadanía ou nos que poidamos intervir para paliar esta problemática e mellorar a situación do colectivo na medida do posible.
Como actuar no nível local?
Deberiamos cubrir as carencias desta lei autonómica polo menos no eido local, no noso concello. Desenvolver un Plan Municipal específico e transversal contra a homofobia, bifobia e transfobia, e de sensibilización e educación na diversidade afectivo-sexual e familiar. Propoño a grandes rasgos unha serie de medidas por desenvolver:
- Ordenanzas municipais e campañas locais de educación e sensibilización da cidadanía de Ourense, e cursos e protocolos especiais de actuación para o funcionariado, persoal público e policía local, obrigatorios para coñecer, comprender, respectar e saber traballar coa diversidade de xénero, sexual e afectiva.
- Realizar campañas de educación afectivo-sexual especialmente dirixidas á poboación LGTBI, e asesorar tamén especificamente ás persoas seropositivas e ás traballadoras sexuais transexuais. Debemos entrar nos colexios e institutos, e o máis posible nos centros de traballo, alomenos nos públicos, e abrir os armarios, para que entre o aire e saia á luz a diversidade. Debemos previr e erradicar a violencia LGTBfóbica e machista, o “bullying”, “mobbing” e ciberacoso, a través de campañas, garantir a seguridade, a igualdade e non discriminación e evitar calquera caste de sufrimento para as “minorías” sexuais. Normalizar as súas vidas.
- Ampliar os fondos públicos de bibliotecas, centros culturais, escolas municipais, centros de adultos… tamén con exemplares que amosen a diversidade social e a realidade LGTBI, visibilizar e educar.
- Traballar sempre en estreita colaboración co asociacionismo, sen tratar de aproveitarse dos colectivos nin tutelalos, mais, en Ourense, onde non hai tecido asociativo específico nesta materia, podemos contribuír a promover e estimular a súa creación, sempre en paralelo ás institucións e con independencia delas, ademais de espazos de socialización e lecer dirixidos especificamente á comunidade LGTB (por exemplo, habilitando o espazo Lusquiños para todo isto). Igual que se podería crear un Consello da Xuventude, que reciba e administre en autoxestión os recursos dedicados á mocidade, podemos crear un Consello da Igualdade coas entidades implicadas e a mesma filosofía, e pór en marcha campañas de educación e de lecer para a xuventude e non xuventude.
- Relacionado co punto anterior, o labor do Comité AntiSida de Ourense é impagable para o concello e deberá ser apoiado e garantido con recursos públicos, e non acosado como até agora.
- Atender especificamente as necesidades da infancia e adolescencia, así como da xente maior LGTBI.
- Extender os organismos municipais de atención a vítimas de violencia machista e violencia sexual ás persoas LGTBI.
- Dotar igualmente de espazos habitacionais en situación de emerxencia e/ou exclusión social, e facilitar o emprego e vivenda para a mocidade LGTBI expulsada das súas casas ou que sufran nelas violencia homo/lesbo/trans/bifóbica. Dispoñer servizos sociais e xurídicos de apoio para estas persoas e as súas familias.
- Crear unha rede de cooperación con outros concellos, para compartir recursos e actuar coordinados, con especial atención ao rural.

- Incluir a diversidade e igualdade nos presupostos participativos. Apoiar ás asociacións pola igualdade e diversidade e contra a violencia, incluír estes obxectivos nas convocatorias de subvencións e transversalizalo nas distintas áreas municipais que poidan estar relacionadas. Non dar acceso a recursos e fondos públicos a ningunha asociación con ideoloxía machista, sexista ou homófoba.
- Vixiar, previr, regular e erradicar as mensaxes e actitudes sexistas, machistas e homófobas.
- Desenvolver políticas en prol das traballadoras e traballadores sexuais, en colaboración con elxs, non paternalistas e que garantan a súa integridade física, saúde, seguridade, dereitos laborais, ademais de recursos sociais necesarios para abandonar esta actividade se así o deciden, así como recoñecer a especifidade do colectivo transexual e inmigrante dentro deste, facilitando a súa integración social e laboral.
- Crear campañas de información e prevención sobre as infeccións de transmisión sexual, sobre todo do VIH. Desenvolver programas para a integración social e laboral das persoas con VIH, fondos e recursos como as casas de acollida, que sempre están en precario, en especial para as migrantes sen papeis, por mor do “apartheid” sanitario do Goberno central.
- Recoñecer e traballar coa especifidade das mulleres lésbicas, bisexuais e transexuais, sempre invisibilizadas.
- Engadir unha terceira casilla nos impresos do concello, para todas aquelas persoas que non se sintan representadas polo binarismo masculino/feminino. Poñer en marcha servizos “unisex”, para erradicar calquera discriminación das persoas transexuais e intersexuais.
- Recuperar a memoria histórica LGTBI da nosa cidade e arredores.
- Apoiar activamente a celebración do Orgullo o 28 de xuño, como o que é, unha data de reivindicación e concienciación, e non como o espectáculo comercial no que se transformou en grandes cidades. Temos que convertir a Ourense na referencia LGTBI do interior de Galicia. Todo iso e máis é o que podemos facer.

O

OUeC Thu 17 Sep 2015 9:16AM

Engadimos documento en word aportado por Jorge:

MXV

Martiño Xosé Vázquez Mato Sun 20 Sep 2015 10:17AM

Unha nova de hoxe na prensa que pode ser de interese para contextualizar a moción: http://www.farodevigo.es/portada-ourense/2015/09/20/orgullo-escondido/1317198.html

O

Poll Created Wed 23 Dec 2015 12:24PM

Presentación no pleno de xaneiro Closed Tue 29 Dec 2015 9:07AM

Results

Results Option % of points Voters
Agree 100.0% 4 MV R MGP E
Abstain 0.0% 0  
Disagree 0.0% 0  
Block 0.0% 0  
Undecided 0% 35 MCF MC S O MXV MR AF MG AH MBC RS T JMG CM L MDG JAS XD MFN JM

4 of 39 people have participated (10%)

O

OUeC Wed 27 Jan 2016 5:27PM

Dende o GT Institucional consideramos moi acertada esta proposta pero consideramos estratéxica presentala no contexto próximo as datas indicadas na propia moción.