Loomio
Sun 28 Feb 2016 3:05PM

Moción Benposta: A Cidade dos “Muchachos”, patrimonio de Ourense

O OUeC Public Seen by 23

Moción do Grupo Municipal Ourense en Común a presentar no pleno ordinario do mes de marzo (04/03/2016)
Benposta: A Cidade dos “Muchachos”,
patrimonio de Ourense
Moción presentada para que o Concello de Ourense conforme un grupo de traballo xurídico e de intervención económica que explore todas as vías posibles, oportunidades e amezas, para a adquisición dos terreos de Benposta pendentes de poxa por parte da Seguridade Social

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
“Son os valores e ideas que compartimos como parte dunha comunidade, a expresión do que Ourense significa para nós. A historia, o patrimonio, a creatividade, a nosa capacidade para comunicarnos.”

PREÁMBULO
Na longa noite de pedra, no solpor do tardofranquismo, nun outeiro sito ao sur da cidade de Ourense emerxía outra cidade. Como as boneca rusas coñecidas como matrioskas, un novo mundo emerxía dentro doutro. Unha cidade e un mundo tan diferentes que contaban con aduana, moeda –a coroa– e ata pasaporte propio.
Coñecida internacionalmente como Benposta: A Cidade dos Muchachos; configurouse ao marxe do sistema establecido e desenvolveu en plena ditadura militar franquista un modelo de organización democrática a microescala. Singularidade que converte a Benposta de por si nun activo para a cidade de Ourense pois situará a esta nas investigacións deste período de apertura e decadencia do réxime franquista. Acumulando dende o mesmo instante do seu nacemento un enorme valor simbólico e histórico.
O sistema pedagóxico e organizativo implementado foi obxecto de estudo en diferentes universidades por ser un modelo formativo diferente e innovador. Proposta avanzada, despois replicada, que fuxía do autoritarismo educativo e da censura propia do contexto represivo da ditadura franquista.
O modelo democrático Benposteño cristaliza de forma práctica como experimento parcial da coñecida Cidade dos Nenos de Tonucci, na que a hipótese parte da construción dun goberno a escala dos menores como parámetro de garantía de toda a cidadanía. Razón pola que os nenos e nenas benposteñas ademais de asistir a clase, polo que recibían unha asignación mensual, encargábanse do bo funcionamento da cidade participando na limpeza e no mantemento das instalacións.
Na mesma liña, a participación política non estaba condicionada a unha maioría de idade. A cidade de Benposta, metáfora da aldea gala de René Goscinny, resistía ao modelo ditatorial cun sistema democrático onde o alcalde era designado mediante eleccións precedidas por campañas electorais onde se daban a coñecer as propostas dos candidatos que representarían a cada un dos grupos que conformaban Benposta: infantil, mozos e adultos.
Pero o recoñecemento internacional de Benposta, e asemade tamén por extensión de Ourense, chegaría de mans da súa actividade circense. Así é que nese outeiro ao mediodía do val do Miño emerxía o primeiro circo formado exclusivamente por nenos e nenas.
O que inicialmente xurdía como unha actividade alternativa e un modo de investimento complementario remataría materializándose nun recoñecemento internacional que levaría o nome de Benposta e Ourense por todo o mundo, xurdindo replicas do ideario Benposteño en países como Colombia, Venezuela ou Santo Domingo. Tres cidades en Colombia: Bogotá, Villavicencio e Montería; outras como La Guaira e Caracas en Venezuela; e en Bolivia Cochabamba. Asemade, embaixadas na Guajira en Colombia, Kobe en Xapón, New Jersey en EE.UU. e dous máis en Nicaragua e Mozambique.
Xiras por todo o mundo, actuacións nas mellores prazas internacionais como Madison Square Garden de Nova York e mesmo foron número un en Francia co seu disco ‘Oh-La-La’. A súa historia inspirou libros e graváronse películas e documentais sobre eles. Foron recoñecidos coa espada Samurai do Xapón e co Premio da Paz outorgado pola ONU. Artistas como Dalí, os monarcas españois ou presidentes do goberno como Adolfo Suárez e Felipe González coñeceron de primeira man o circo e o proxecto de Benposta. Asemade, grandes referentes mundiais do universo circense saíron deste lugar e a compañía internacionalmente recoñecida como Circo do Sol tomou como base o modelo benposteño para a súa configuración. Benposta foi ademais a primeira Escola de Imaxe e Son de Galicia con televisión propia na que se formaron numerosos ourensáns actualmente profesionais do medio.
Un proxecto único cheo de color e esperanza no que participaron aproximadamente 50.000 “muchachos” comezaría escurecer na primeira década do século XXI. Débedas, conflitos de xestión interna e unha ameaza especulativa constante sobre os terreos nos que se asentaba, derivaron nun abandono total da noutrora Cidade dos Muchachos.
A inseguridade xurídica e o abandono institucional conduciron a Benposta a unha situación de impasse e incerteza na que aínda mantense na actualidade. Contra este desleixo véñense propoñendo alternativas culturais como o Festival Reperkusión ou outras de carácter social como o Parque da Paz ou a Escola do Circo, orientado esta xa a integración dos nenos con algunha discapacidade física ou mental e así aproveitar as disciplinas circenses cun fin terapéutico e de integración social. Iniciativas todas que procuran revitalizar o proxecto coa apertura das instalacións e unha adaptación ás necesidades presentes.

DIAGNOSE E XUSTIFICACIÓN
1.) A titularidade dos terreos abaixo descritos segundo aparece recollido no Rexistro da Propiedade Número 1 de Ourense é a FUNDACIÓN BENPOSTA NACIÓN DE LOS MUCHACHOS.
2.) Os terreos abaixo descritos foron adquiridos con data 31/08/2006 polas mercantís LAROU, S.L. con CIF B20851614 e CONSTRUCCIONES Y REFORMAS PROMOLAND, S.L. con CIF B20873717, conformando a referida PROMOCIONES NOVA BENPOSTA.
3.) A FUNDACIÓN BENPOSTA NACIÓN DE LOS MUCHACHOS afirma segundo documentación operante na súa propiedade que o comprador non ten procedido a aboar o pago pactado na escritura privada de compra – venta do 31/08/2006.
4.) Os terreos abaixo descritos son embargados preventivamente por Dilixencia a data 23/11/2006 (convertida en definitiva por Dilixencia a data 18/01/2016 e taxados daquela por un importe total de 1.520.037,03 €, respondendo a unha débeda que ascendía naquel momento a 1.061.336,71 €.
5.) O Ministerio de Empleo y Seguridad Social vén de abrir (Febreiro de 2016) o proceso de convocatoria de poxa e concurso Finca nº19309 inscrita no Rexistro co nº32012, Tomo nº2023, Libro nº1280, Folio nº74 (Unidade de Recadación Executiva nº02, Expediente nº32 02 07 000665). Propiedade en nome da Fundación Benposta Nación de los Muchachos, titular de pleno dominio da totalidade desta finca que contén:
Finca de Ourense nº 19309: Urbana: Viñedo, Labradío y Monte, al nombramiento de “La Benposta” y también “Regueiros”, sito en la parroquia de Sejalvo, en esta capital, con una casa de planta baja y alta e independiente otra destinada a bodega, de la superficie de tres hectáreas, veintidos áreas y ochenta y cuatro centiáreas, sobre la que existe un conjunto de edificaciones “En Construcción” formado por catorce edificios aislados y cincuenta chales, con destino a un Centro de Enseñanza Profesional y Primaria, de una, dos y tres plantas, con una superficie total de construir de veintiún mil seiscientos treinta metros once decímetros cuadrados, distribuidos en escuela hogar, aulas, talleres, escuela, circo, comedores, enfermería, capilla, biblioteca, casino, teatro, juegos, residencia de profesores, oficinas, aparcamiento, piscina cubierta, gimnasio y residencia de alumnos, además de la urbanización general del conjunto y unas instalaciones deportivas constituidas por unas pistas de atletismo, con un campo de fútbol en su interior.
O terreo con edificacións de distintos usos e sen cargas segundo a publicación oficial, sito no lugar de Seixalvo 0 (32970) en Ourense, foi taxado por un importe total de 1.520.037,03 €. O conxunto englóbase dentro dun único lote que conformará a poxa que se realizará o 30/03/2016 ás 10:00h na Rúa Concello 1 1º Ourense.
6.) A FUNDACIÓN BENPOSTA NACIÓN DE LOS MUCHACHOS pretende recorrer a citada poxa en base a:
a. Existe un erro na descrición detallada da poxa que se pretende implementar dende o Ministerio de Empleo y Seguridad Social. Razón pola que se solicitará unha nova valoración ao non corresponderse coa realidade física, englobando a finca rexistrada a tres fincas catastrais.
b. A necesaria revisión do procedemento pois é necesario permiso explícito para formalizar a poxa.
EPÍLOGO:
O proceso de poxa aberto pola Seguridade Social, como última fase dun procedemento administrativo de requirimento despois de fallar os procesos anteriores, supón un fito importante e que pode ser histórico no conflitivo discorrer dos terreos de Benposta dende o ano 2003. Así é que ábrese a porta por fin á posibilidade de superar a actual problemática de titularidade, pois esta administración está facultada por lei para embargar bens dos debedores e vendelos en pública poxa para cobrarse a débeda pendente e saldar o débito perseguido.
Se ben a data inicial da poxa quedaba fixada para o 30/03/2016, que dificultaría cumprir os prazos establecidos para unha correcta intervención dende a institución municipal, o recurso presentado pola Fundación Benposta Nación de los Muchachos debería materializarse nunha paralización temporal do proceso para superar os defectos apuntados. Así é que habería tempo suficiente para a constitución dun equipo de traballo xurídico e de intervención económica que avanzara na elaboración dun informe de posibilidades e ameazas para a adquisición dos terreos de Benposta pendentes de poxa. Fundamento co que consignar e aprobar as partidas orzamentarias necesarias no caso de consideralo factible e positivo.
Ábrese deste modo a posibilidade para o Concello de Ourense de adquirir como único propietario uns terreos que engadir ao patrimonio municipal. Xa non polo valor do inmoble, senón que tamén polos valores engadidos ao lugar comentados arriba que o converten en patrimonio material e inmaterial de todas as veciñas de Ourense.

É por todo o anterior que o grupo municipal Ourense en Común presenta ao Pleno para o seu debate e aprobación o seguinte

ACORDO:
1. Que o equipo de goberno constitúa un grupo de traballo xurídico e de intervención económica que explore todas as vías posibles, oportunidades e amezas, para a adquisición dos terreos de Benposta pendentes de poxa por parte da Seguridade Social.

E para que conste aos efectos oportunos Martiño Xosé Vázquez Mato, en calidade de concelleiro e voceiro do grupo municipal de Ourense en Común, asina o presente documento en Ourense a 29/02/2016

Asdo. Martiño Xosé Vázquez Mato

T

Trini Tue 1 Mar 2016 12:45PM

Ok